sábado, 20 de mayo de 2023

VISITAMOS A ILLA DE TAMBO

 Estamos todos emocionados, por fin chegou o día de visitar Tambo, esa illa que está tan cerca pero ao mesmo tempo inaccesible. Illa visitada por temibles piratas como Francis Drake ou Benito Soto👿.

Levamos unha misión, a de seguir as instrucións para acadar o tesouro e converternos así en piratas por un día💀 . Non vemos o momento de subir ao bus rumbo a Combarro, onde nos agarda o barco para chegar ao noso destino. Subimos ao barco  con coidadiño, mirando ben onde poñemos os pés👀. Para algúns a emoción e visible, nunca antes se subiran a un barco, menuda aventura!!

Mecémonos un pouco sobre as augas de Combarro para logo poñer rumbo ao noso destino, navegamos entre as bateas e cada vez máis preto do noso obxectivo.

Nada máis chegar, sentamos mentres agardamos a que todos estean preparados. Observamos as pequenas praias de auga cristalina, os golfiños  que calmosos van surcando as olas, un par de mariñeiros que levantan as súas redes e, sorpresa, agochada entre as toradas de eucalipto, onde nos sentamos, atopamos unha botella similar á de días atrás. Nela aparece un mapa da illa e un “X” ben marcado, tamén unha carta que nos encamiña para atopar a seguinte pista. Non hai tempo que perder,  non podemos seguir parados!!, temos unha misión moi  importante: “localizar o tesouro pirata”, que segundo o mapa se atopa rumbo ao sur da illa.

 A primeira pista lévanos por costas empinadas e camiños tortuosos,  pero nada nos vai deter, é preciso atopar máis pistas e máis probas, e vaia probas!!. A verdade é que o pirata que deixou estas pistas está como unha chota: ollos de moucho, unha morea de pasos de pirata... e, canto mide un paso de pirata?. Segundo un experto de segundo de primaria, os piratas dan grandes zancadas; co cal, un paso de pirata equivale a tres dun neno, e si o di un experto... Éche boa, será un milagre se damos conta do recado!!!💁.

Todo nos conduce cara a zona do faro, en concreto a unha cova escura e tenebrosa. Entramos todos e todas, que non se diga que non somos valentes; hai que dicir que as mestras entraron con nós, pero unicamente para alumear coa lanterna do móbil para non tropezar. Quen dixo medo!?  

Na parte máis profunda  e escura da cova observamos o debuxo dun cranio, será unha trampa, un tesouro?. Uns cantos afoutos puxéronse a escarvar, alí  atopamos o cofre do tesouro, que emoción!!😊, valeu a pena todo o esforzo que fixemos. 

Despois de tanta troula xa temos algo de fame; quen di algo... di moooita fame. Estes airiños de mar é o que teñen, que abren o apetito😅.

 Un pouco de xogo e risas cos compañeiros antes de desfacer a ruta para coller o barco, e o mellor... déixannos ir na parte superior do barco, desfrutando das vistas da Ría de Pontevedra e cantando a ritmo de Bob Esponja: -¿Quién vive en la piña debajo del mar?...

Un día perfecto, pero aínda nos queda abrir o cofre. Un pouco de paciencia, mellor repartir o botín no cole, non vaia a ser... 

SOMOS PIRATAS, SOMOS PIRATAS, NON LLE TEMOS MEDO A NADA!!😉

VÍDEO


























































No hay comentarios:

Publicar un comentario