domingo, 7 de mayo de 2023

OS MAIOS

 

 DIARIO DUN MAIO.

Cada primeiro de maio ten lugar en Galicia unha tradición ancestral de orixe celta, a festa dos Maios, que rende homenaxe á chegada da primavera.

Non existe celebración máis divertida para os nenos e nenas que os Maios, unha festa na que os que máis traballan son os adultos e os que máis desfrutan son os cativos. É unha festividade que a quen  participa lle ten que gustar; xa que implica moitísimas horas de elaboración, e case toda a montaxe hai que facela o día anterior á celebración, co cal nesa noite as horas de descanso son moi poucas ou non existen.

O traballo en equipo é fundamental, a comezos do mes de abril, toca facer as coplas para que os nenos e nenas poidan ir polas portas a vendelas e a sacar uns cartiños para os gastos do Maio. As coplas teñen que ter picardía e retranca, vale empregar algunha que outra palabrota, que son as que mellor cantan e causan máis risa entre os pequenos. Se algo non funciona ben no pobo é a mellor opción para sacalo de xeito irónico, sen que ninguén se enfurruñe moito. Non queda monicreque con cabeza, algún dos políticos xa se bota a tremer nestas datas😟.

Logo toca o ensaio das coplas, un dos nenos encárgase de cantar e vai ser o que logo ocupe o oco debaixo do Maio, os demais colócanse en corro ao redor e teñen como misión  respostar e palitroquear. 

Os ensaios sempre son un desastre; polo xeral, nunca sae un ao dereito, hai quen colle mal os paus e da golpes nas súas propias mans, outros que se xutan moito e levan un palitrocazo dun compañeiro, hai a quen lle rompen os paus, o corro empeza ben feito e logo acaban todos xuntos apertadísimos uns con outros. Se algunha familia ve os ensaios, bota as mans á cabeza. Logo no día as cousas cambian, a incerteza, os nervios e o querer quedar ben, fan que todo salga perfecto.

Durante os días  previos, os participantes na elaboración dos Maios van coa ollada fixa nos campos polos que pasan, parecen radares ou detectores de fiúncho, pampullos, margarida, xesta, camelia etc👀. e xa se van pasando as fotos coa localización. Se a finca está pechada  búscanse aos propietarios para pedir permiso, nin os de Catrastro levan tanto control.

As tortillas son un prato moi socorrido para estas datas, tamén aquelas receitas que leven ovo batido: filloas, biscoitos, madalenas... día si e día tamén hai que tomar ovos, precísanse moitos ovos para facer un Maio, e veña a baleirar ovos!

O maio leva por debaixo unha estrutura con forma cónica, feita de paus, canas e aros, que debería ir armada con bímbeas. Sobre esta base irá a coroa, que de estar feita a base, é polo que hai que empezar; xa que precisa de deseño e de moitas horas para ir modelando con ferros, porexpán, madeira, cartón e outros materiais cos que se vai a cubrir. 

As coroas son do máis variado, poden estar compostas por unha simple cruz,  ter elaboracións xeométricas propias dos maios máis tradicionais, ou  ser verdadeiras esculturas, talladas e modeladas que nada teñen que envexar ás da Escola de Canteiros.

Unha vez que toda a estrutura está montada, hai que esperar aos días previos para conseguir os elementos que cobren o Maio. O primeiro que se pode apañar son as laranxas, normalmente úsanse laranxas amargas, se non as houbera van das doces. Algún veciño poida que atope o laranxeiro pelado, nós non fomos, sempre pedimos permiso😏.

 A folla de camelia  aguanta 4 ou 5 días apañada e é moi empregada para cubrir partes da coroa ou da embarcación, con unha boa cola pode pegarse uns días antes.

Dous días antes hai que coller o fiúncho e mantelo hidratado. Hai que ser moi meticuloso apañando o fiúncho, ten que ser de cor verde escura, tenro e tupido, do contrario non peitea ben e o maio queda defectuoso. O mellor sempre se atopa no medio das silvas, estrugas ou en lugares de difícil acceso; é normal acabar espiñado, estrugado, mollado ou con algún golpe, pero iso non é nada si ao teu fiúncho non lle poñen pegas😁.

O día antes toca coller o pampullo, as margaridas, as camelias, a xesta, os cartuchos e calquera outra flor silvestre que se queira empregar. Se alguén tivera medo de camiñar pola herba alta por mor das serpes ou calquera outro bicho, que perda coidado, con semellante tropel de xente escapan despaboridos, o único que se nos pode agarrar e algún que outro carracho😄.

Unha vez que se consegue o material, o día 30 de abril toca vestir o Maio e rematar a coroa. É preciso distribuír o traballo: uns seleccionan a xesta e o fiúncho, outros cosen a xesta, o fiúncho, as cadenetas de flor, os ovos e outros van montando o Maio. 

Comezamos cunha capa de xesta na base, a xesta ten que estar ben floreada e ao cosela debe quedar ben tupida, do contrario vense os pés do Maio. Logo continuamos  con capas de fiúncho cosido ata rematar. O fiúncho ten que ser ben escollido e o que non vale desbótase, ás veces hai máis fiúncho  tirado no monte para compost que para coser, parece que a algúns non hai fiúncho que lle valga.

 Por último, queda colocar as cadenetas de ovo, laranxas, pampullo, e margaridas, que se poñen ao redor do maio facendo aros, filigranas ou figuras, pódese rematar a decoración con flor de camelia, calas ou dixitais.

 O tempo pasa e non se ve o traballo feito, parece o conto de nunca acabar, chega a media noite e aínda queda  moito por facer.

Xa pola mañá queda dar os últimos retoques, poñerlle as calas e camelias e levalo para o lugar de actuación. Este é o momento para vender as últimas coplas, facer as fotos de grupo, e se da tempo facer un pequeno ensaio...

Logo toca actuar, sempre sae mellor que nos ensaios, os nenos e nenas fano fenomenal e algunha lagrimiña de emoción e orgullo aflora na cara dalgún adulto. Moitísimo traballo para dez minutos, dez minutos gloriosos, para as familias e para os nenos; xa pasou o peor, agora toca desfrutar da rosca, e o mellor,  desfacer o Maio. Se toca algún premio, fantástico, e se non... para o vindeiro ano máis e mellor.

 Desta celebración quédome cos días de convivencia e camaradería, coas risas que nos botamos, co traballo en equipo e o bo ambiente, todo pensado para o desfrute dos máis cativos que o fixeron moi ben. Moitas grazas ás familias que participaron e fixeron posible o poder desfrutar desta festa. A ver quen é o afouto ou afouta que se apunta para o vindeiro ano!!😂😂.

 

 



































































                                       




                  
                                      











No hay comentarios:

Publicar un comentario