Por fin, coa chegada da primavera,
descubrimos os sete ginkgos biloba do parque da Memoria, xa que antes non se podían
apreciar pola ausencia de folla.
Esta árbore é a representativa do
continente asiático, en concreto do sur de Xapón e do este e sueste de China. O
gingko é un auténtico fósil vivinte, e unha árbore ornamental que podemos
atopar en xardíns de todo o mundo. Existen exemplares machos e femias;
normalmente, en xardíns ou parques adóitase a plantar exemplares machos, pois
as femias emiten un olor desagradable procedente dos seus froitos.
Hai diferenza entre sementes de ginkgo
macho e femia, o que permite saber o que se vai sementar. A semente femia ten
dúas valvas e a macho tres. Esta árbore florece e dá sementes a partir dos
20-30 anos.
É moi apreciado polas súas
propiedades medicinais, que se concentran nas súas follas e que foron
empregadas dende fai máis de 2000 anos fronte a numerosas doenzas, sobre todo
relacionadas co cerebro e o sistema circulatorio.
As follas caracterízanse pola súa
forma de abanico. No outono adquiren unha preciosa tonalidade amarela antes de
caer, é unha árbore caducifolia.
No parque da Reiboa, preto da zona dos
muíños, podemos atopar un exemplar que foi plantado por antigos alumnos do cole
e que ten aproximadamente uns 20 anos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario