En colaboración co Concello
e contando coa actuación de Migallas, conmemoramos o Día Internacional da
Eliminación da Violencia Contra a Muller.
Días previos a esta data, cada
titor foi traballando co alumnado as pintoras que foron propostas para este
acto: Yayoi Kusama, Frida Khalo, Sonia Delaunay e Julia Minguillón. As obras
elaboradas por cada clase foron expostas polos corredores, para desfrute de
todos.
Aínda que cada titor/a afondou
na vida e obra destas catro pintoras, a actuación de Migallas axudounos a analizar a vida destas mulleres que viviron ao longo do século pasado e
pasaron a súa infancia e mocidade nunha sociedade na que os protagonistas
eran de xénero masculino. A súa personalidade e afouteza para ir superando
retos, fixo que puideran brillar, aínda que moitas veces con todo na súa
contra.
Yayoi Kusama é a única que
segue con vida, ten 96 anos e vive en Xapón. Durante a súa infancia, se se lle
pode chamar infancia, sufriu maltrato por parte da súa familia e un control extremo
por parte da súa nai. Viviu a segunda guerra mundial, axudaba a coser teas
para paracaídas. Sufría alucinacións que lle xeraban unha tremenda ansiedade e
que lograba canalizar a través das súas pinturas.
Coa oposición da súa familia,
que buscaban para ela un matrimonio axeitado, ingresou na Escola de Belas Artes
de kioto. A súa curiosidade e amor pola arte, levouna a investigar sobre
diferentes movementos vangardistas de Europa e América, e en 1958 mudouse
a Nova York.
Despois de moitas penurias conseguiu
certo recoñecemento, e os seus traballos foron expostos xunto a obras de autores
famosos como Andy Warhol. Algunhas das súas obras foron plaxiadas por algúns
dos que se consideraban amigos. Pintou a persoas e animais nas rúas, enchíaos
de lunares.
En 1973 volveu a Xapón e
encarou de fronte unha sociedade máis conservadora que a de Estados Unidos. Volven
as súas sombras do pasado e en 1977 ingresa voluntariamente nun hospital, no que aínda permanece na actualidade, e no que segue creando a súa arte, que abarca:
literatura, escultura, pintura e moda. É unha das pintoras máis recoñecidas e galardoada
a nivel mundial.
No hay comentarios:
Publicar un comentario