miércoles, 28 de junio de 2023

RECOMENDACIÓNS PARA VERÁN.

 

5º DE EDUCACIÓN INFANTIL.

As vacacións de verán son un tempo para o desfrute e ocio, se ben é certo que durante este tempo sería importante buscar un momento durante a xornada para reforzar un pouquiño os contidos traballados durante o curso; por todo isto, facemos unha lista de propostas para que poidades escoller algunha das que mellor se adapte á vosa situación e a poñades en práctica.

1-     Actividades de cara a reforzar o seu nivel de autonomía persoal tales como: recoller as súas cousas, vestirse e espirse, poñer ou recoller a mesa, barrer etc.

É importante darlle tempo para que o fagan por si mesmos, sen perder a paciencia. Tamén acostumalos a saber esperar, e que entendan que non sempre se poden satisfacer as súas necesidades ou desexos no mesmo momento que o demandan.

2-      No relativo a poñer e recoller a mesa, ademais de afianzar vocabulario, pódense traballar aspectos numéricos, orientación espacial, lateralidade e rudimentos da suma e da resta, ex. Teño dous garfos, cantos necesito para acabar de montar a mesa?. Hai seis pratos na mesa, se recollo 2 que están baleiros, cantos me quedan etc.

3-      Contar obxectos: xoguetes, cadeiras, mesas, froitas. Facer agrupacións de obxectos segundo unha determinada característica, cores, tamaño, forma…

4-     Continuando con cousas da cociña, poden axudar a elaborar unha receita, algo sinxelo que non implique perigos. Traballando cantidades, tamaños, cores, formas, peso etc. Logo poden anotar o peso, cantidade e os ingredientes nunha libreta, creando así unha libreta de receitas.

5-     Crear un diario de verán con debuxos ou imaxes de algo destacado de cada día e un pequeno pé de texto.

6-     Facer listados de cousas, ex.: listas da compra, lista de cousas para ir de praia, de cámping etc.

Sempre que empreguen o lapis, ceras ou bolígrafos, é importante observar a forma en que collen o útil para escribir ou colorear, o movemento de pinza entre o dedo índice e polgar (PETEIRO DO POLO PEPE), para evitar que no futuro  se afiancen posturas incorrectas que teñan que ser corrixidas  co uso de adaptadores.

7-     Realizar traballos plásticos que impliquen modelar, resgar e “RECORTAR”.

8-     Compoñer palabras con recortes de periódicos, revistas, carteis… Incidir no son das letras (conciencia fonolóxica) e/ou no son das sílabas (conciencia silábica).

9-      Buscar palabras en carteis, contos, revistas etc.

10-  Facer labirintos, sopas de letras ou crucigramas sinxelos, buscar diferencias entre debuxos, puzzles.

11-  Os xogos de mesa son un recurso importante de cara ao verán: o parchís, a oca, as cartas.

12-  Levar rexistro do tempo atmosférico nun calendario con debuxos ou gomets. No caso de empregar gomets, o rectángulo azul pode usarse para indicar nubrado, debuxarlle unhas pingas de auga se chove,  círculo amarelo  para o sol, e combinación de rectángulo azul e círculo amarelo se hai nubes e  claros. Este rexistro permítenos obter datos numéricos, e traballar conceptos tales como máis, menos, os días da semana, o mes.

13-  O conto é un recurso importantísimo de cara a adquirir vocabulario, traballar valores, emocións, estimulan a imaxinación e a creatividade, amplían a capacidade de percepción e compresión, fomentan o hábito lector; ademais, a partir dos contos podemos traballar aspectos  relacionados coa  expresión plástica, descricións, conceptos espáceo-temporais etc.

14-  Aprender cancións, trabalinguas, adiviñas, que favorecen a memoria e a oralidade.

O importante é incidir na correcta pronunciación, mostrándolles o modelo correcto de articulación  das palabras empregando o ton adecuado, e posteriormente invitando aos pequenos mediante a imitación a pronunciar as palabras.

FELIZ VERÁN!!!

domingo, 25 de junio de 2023

FESTA FIN DE CURSO.

 CHEGAMOS AO FIN DESTE CURSO 2022-23, UN CURSO CHEO DE ACTIVIDADES E MOITAS AVENTURAS. NON PODÍAMOS REMATAR DOUTRO XEITO QUE CUNHA FESTA NA QUE OS INDIOS E VAQUEIROS FORON OS PROTAGONISTAS.

MOITÍSIMAS GRAZAS ÁS FAMILIAS, A TINO E AO PROFESORADO, QUE FIXERON POSIBLE ESTA FESTA.

VÍDEO