Chegamos ao remate do ciclo das nosas bolboretas de seda, por fin saíron do casulo, despois de furalo
mediante unha substancia ácida. Agora non comen nin voan, a súa misión é a de
aparearse e poñer ovos.
O tamaño das bolboretas é duns 3 ou catro cm de longo por uns 4 ou 5 cm de ancho. A femia é máis grande co macho, o seu abdome é máis prominente, xa que leva dentro centos de ovos, pon entre 200 e 500 ovos no seu ciclo vital.
Os machos teñen as antenas
máis grandes e plumosas, para detectar ás femias; son máis activos e desprázanse
movendo as ás, emitindo sons para atraer ás femias.
O corpo destas bolboretas está
cuberto dunha especie de vilosidade que durante o tempo de apareamento, na
maioría dos casos, se vai deteriorando e caendo por zonas.
Cubrimos a caixa na que temos
as bolboretas con papel de cociña, para facilitar a recollida de ovos ao
rematar o proceso. A tonalidade dos ovos vai cambiando dende o amarelo clariño,
pasando por tons ocres ata coller unha tonalidade gris.
Unha vez que morren as bolboretas, en torno a unha semana, recollemos os ovos. Desprendemos os anacos de papel de cociña da caixa e gardámolos nunha caixiña, tupper ou recipiente cerrado, no que non vaian a entrar formigas e outros bichos que poidan comelos. Gardámolos nun lugar fresco e seco para que poidan eclosionar na próxima primavera. É preferible evitar telos preto de zonas con calefacción, xa que poderían saír antes de tempo, non tendo dispoñibles follas de moreira para alimentalos.

























No hay comentarios:
Publicar un comentario