O alumnado de E. Infantil do CEIPP Isidora Riestra visita a illa de Cortegada; xa que hai baixamar, aproveitamos para xogar un pouco na praia de Carril mentres observamos algúns mariscadores/as faenando. Logo imos ao parque, lavamos as mans e merendamos. Subimos á embarcación que nos leva a Cortegada, onde nos recibe o garda da illa.
Facemos unha
camiñata pola illa, observando os restos do hórreo comunal, e da aldea, a
capela, o cruceiro... Identificamos algunhas das árbores da illa, e descubrimos unha extraordinaria: o carballo carnívoro, que seica papaba ovellas e outros seres que se achegaban a el; polo que nos contan, os veciños, cansos da situación, déronlle a comer pedras, as que podemos ver
incrustadas no seu tronco. Tamén descubrimos
os diferentes animais que viven na illa, polas pegadas que atopamos e polas
marcas de comer as piñas.
Continuamos a camiñata para ver as illas Malveiras, ás que só poden acceder biólogos e persoas autorizado para facer estudos na zona. Ao lonxe atópase o Con branco, que debe a súa cor aos excrementos de gaivota.
Para saber máis...
A illa de
Cortegada está situada na ría de Arousa, dentro do espazo polo que transcorre a
ruta Traslatio ou ruta Xacobea marítimo-fluvial, que abarca o mar de Arousa e a
desembocadura do río Ulla. Pódese acceder a ela en barco dende Carril ou
Vilagarcía, coa marea baixa pódese chegar andando, sempre co permiso, dado que
é un espazo protexido que forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Pola illa
pasaron os romanos, que lle deron o nome de Corticada; foi asentamento de pobos invasores como os Vikingos
e outros pobos que pretendían atacar Santiago de Compostela.
Foi
hospital de peregrinos, na illa existe unha capela dedicada á Virxe dos Milagres, en tempos pasados contaba con moitos peregrinos. A localización desta capela cambiou á zona máis
próxima ao porto, para evitar que as enfermidades que puidesen traer os
visitantes afectaran á xente da illa.
Na illa
chegaron a vivir 17 familias, unhas 70 persoas, que dependían do pazo de Gulpilleira
ao que pagaban tributos. No 1907, tiveron que abandonar a illa, ao ser ofrecida
a Alfonso XIII como lugar onde construír a súa residencia de verán. O obxectivo
desa cesión era atraer para a zona
recursos económicos dada a pobreza que había neses momentos. Esta residencia
nunca se levantou e quedou como coto de caza do monarca. Pasou logo a mans da
república e logo foi reclamada polo fillo de Alfonso XIII, D. Juan, que a
vendeu a unha inmobiliaria para construír un complexo hoteleiro. A insistencia dos habitantes da
zona, fixo que fora adquirida pola Xunta de Galicia e transformada nun lugar
protexido, no que se atopa o bosque de loureiros máis grande de toda Europa.
A illa está
chea de mitos e lendas, entre eles a do Urco, un can mitolóxico do tamaño dun
boi, de cor negra, con cornos e gran pelaxe. En noites de néboa ou tormenta
emerxe do mar rodeado de cadeas e o seu
ouveo trae malos presaxios.
Outro dos
seres que din que aparece na illa é unha pantasma.
No hay comentarios:
Publicar un comentario