jueves, 26 de junio de 2025

VISITA Á ILLA DE CORTEGADA.

 O alumnado de E. Infantil do CEIPP Isidora Riestra visita a illa de Cortegada; xa que hai baixamar, aproveitamos para xogar un pouco na praia de Carril mentres observamos algúns mariscadores/as faenando. Logo imos ao parque,  lavamos as mans e merendamos. Subimos á embarcación que nos leva a Cortegada, onde nos recibe o garda da illa.

Facemos unha camiñata pola illa, observando os restos do hórreo comunal, e da aldea, a capela, o cruceiro... Identificamos algunhas das árbores da illa, e descubrimos unha extraordinaria: o carballo carnívoro, que seica papaba ovellas e outros seres que se achegaban a el; polo que nos contan, os veciños, cansos da situación, déronlle a comer pedras, as que podemos ver incrustadas no seu tronco. Tamén  descubrimos os diferentes animais que viven na illa, polas pegadas que atopamos e polas marcas de comer as piñas.

Continuamos a camiñata para ver as illas Malveiras, ás que só poden acceder biólogos e persoas autorizado para facer estudos na zona. Ao lonxe atópase o Con branco, que debe a súa cor aos excrementos de gaivota.

Para saber máis...

A illa de Cortegada está situada na ría de Arousa, dentro do espazo polo que transcorre a ruta Traslatio ou ruta Xacobea marítimo-fluvial, que abarca o mar de Arousa e a desembocadura do río Ulla. Pódese acceder a ela en barco dende Carril ou Vilagarcía, coa marea baixa pódese chegar andando, sempre co permiso, dado que é un espazo protexido que forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Pola illa pasaron os romanos, que lle deron o nome de Corticada;  foi asentamento de pobos invasores como os Vikingos e outros pobos que pretendían atacar Santiago de Compostela.

Foi hospital de peregrinos, na illa existe unha capela dedicada á Virxe dos Milagres, en tempos pasados contaba con moitos peregrinos. A  localización desta capela cambiou á zona máis próxima ao porto, para evitar que as enfermidades que puidesen traer os visitantes  afectaran á xente da illa.

Na illa chegaron a vivir 17 familias, unhas 70 persoas, que dependían do pazo de Gulpilleira ao que pagaban tributos. No 1907, tiveron que abandonar a illa, ao ser ofrecida a Alfonso XIII como lugar onde construír a súa residencia de verán. O obxectivo desa cesión era  atraer para a zona recursos económicos dada a pobreza que había neses momentos. Esta residencia nunca se levantou e quedou como coto de caza do monarca. Pasou logo a mans da república e logo foi reclamada polo fillo de Alfonso XIII, D. Juan, que a vendeu a unha inmobiliaria para construír un complexo  hoteleiro. A insistencia dos habitantes da zona, fixo que fora adquirida pola Xunta de Galicia e transformada nun lugar protexido, no que se atopa o bosque de loureiros máis grande de toda Europa.

A illa está chea de mitos e lendas, entre eles a do Urco, un can mitolóxico do tamaño dun boi, de cor negra, con cornos e gran pelaxe. En noites de néboa ou tormenta emerxe do mar rodeado de cadeas  e o seu ouveo  trae malos presaxios.

Outro dos seres que din que aparece na illa é unha pantasma.




















































































































 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario