A Variante Espiritual do Camiño pasa polo lateral do noso cole, concretamente pola parte traseira. Cada día, na hora do recreo, atopámonos con moitos peregrinos que pasan cara a Combarro, e sobre todo durante a primavera e o verán.
Ten coincidido que algunhas veces os peregrinos daban a volta para preguntarnos como continuar o seu camiño; pois ao parecer, en determinados tramos o Camiño non está ben sinalizado. A nosa preocupación é maiúscula ao saber que Sam e Lucy van a iniciar o Camiño, non queremos que se perdan; por ese motivo, decidimos percorrer o anaco de tramo da ruta entre Pontevedra e Combarro máis próxima ao cole, un pequeno anaco de camiño entre o edificio de Correos, preto do Mosteiro de Poio e a Pinela.
Descubrimos que hai carencias na sinalización: sinais pouco visibles por estar en lugares pouco axeitados, falta de sinalizacións en zonas estratéxicas, sinais confusos que poden provocar erros de interpretación, e sinais pintados de calquera xeito en postes, pedras e muros, que aínda que provocan feísmos, ás veces son os máis efectivos á hora de seguir o Camiño.
Outro dos problemas co que nos atopamos, foi que non funcionaban os códigos QR, ao clicar sobre o código abríanos a páxina do Concello de Poio, pero non estaba operativa.
Dado que non queremos que San e Lucy se perdan polo camiño, e menos na nosa zona, queremos facer unha petición ao noso alcalde ou ao concelleiro que proceda, para mellorar a situacións, amosándolle as dificultades coas que nos atopamos nese pequeno tramo; pois está nas mans de todos mellorar a imaxe do noso Concello e facer as cousas ben.
No hay comentarios:
Publicar un comentario