O xoves 1 de decembro,
visítanos Carmen, a avoa de Valeria e Martina. Veu a cotarnos cousas de Raxó,
de Combarro, e de como era a vida na súa
infancia e xuventude . Unha vida moi intensa e sacrificada.
Carmen naceu en Raxó,
o dez de outubro de 1950, na actualidade ten 72 anos. Lembrando a súa infancia, cóntanos que pouco tempo tiña para xogar. Como irmá maior, ocupaba o tempo axudando aos seus pais na casa, nas leiras e
atendendo aos seus irmáns.
Cando lle
preguntaban a que xogaba de pequena, cóntanos que non tiña tempo, pero os
bonecos que había facíanse cos carozos e follatos das espigas e con canas.
Con sete anos foi
á escola xunto coa súa irmá; aínda que foi durante un ano, aprendeu os
coñecementos que un neno ou nena de hoxe en día non acada en varios anos,
recoñece que se lle daban moi ben as matemáticas.
Antes de ir á
escola xa tiña o seu cuarto recollido e xa fora ao lavadoiro a lavar a roupa,
daquela non había lavadoras.
Con nove anos foi
traballar á fábrica de conservas, Conservas Camping. Era tan traballadora que
pronto a puxeron a traballar coas mulleres adultas, preparando o peixe e
enlatándoo. Antes e despois de ir á fábrica tiña que traballar na casa e no
campo, era un non parar. Ela conta que sempre durmiu moi pouco, non había tempo
ni para durmir.
Sendo unha moza,
coñeceu ao que sería o seu marido no baile de Raxó e casou ben nova, antes de
casar xa fora preparando o seu enxoval, tecendo e bordando nos ratos libres.
Quedamos moi sorprendidos
cando nos dixo que a Pontevedra baixara por primeira vez pouco antes de se
casar. Os medios de transporte daquela época eran moi precarios e os traxectos
facíanse case sempre a andar, moi poucos coches había e as bicicletas tíñanas a
xente de cartos.
Unha vez que
casou combinou varios traballos á vez, o traballo da casa, atender aos fillos,
as leiras, foi mariscadora, traballou de redeira reparando as redes dos barcos,
ía polas portas a vender o peixe que traía o home do mar e tamén tivo un bar e
un barco ao mar. Moito traballou!!
Como redeira
ensinou a moitas mulleres o oficio, foi mestra redeira. Dinos que para
defenderse cosendo redes se necesita un ano polo menos para collerlle o ritmo.
Do tempo que
pasou vendendo o peixe polas portas, lémbrase de que naquela época había moi
poucos cartos e ás veces o peixe cambiábao por outros produtos como carne,
produtos da horta ou roupa.
No relativo ás
comidas daquela época, o que predominaba era o pan de millo, o de trigo
escaseaba moito. Todo o mundo plantaba as súas leiras de millo para ter fariña
para cocer o pan. Os domingos facíase o cocido coas verzas e as patacas da
horta e co anaco de porquiño que se criaba na casa para ter que comer e para
ter abono para as leiras.
Cóntanos moi
emocionada que a súa maior alegría foi cando naceron os seus netos, pero sobre
todo as súas netas, coas que pasa moito tempo e ás que adora.
Foi un pracer
escoitar a esta gran muller, unha muller
loitadora que se soubo adaptar aos tempos con éxito e tesón.
Moitas grazas por
visitarnos!!!
VÍDEO
No hay comentarios:
Publicar un comentario