miércoles, 14 de diciembre de 2022

CON MONTSE, A NAI DE ÍAN E LUKA, DECUBRIMOS COMO SE MARISQUEA NA RÍA DE PONTEVEDRA.

Por mor das condicións climáticas que se están a dar nestes últimos dous meses, non nos foi posible baixar á praia da Seca ou á do Padrón para ver como se mariscaba, por un  ou outro motivo: a choiva, o horario de marisqueo, as datas... non tivemos a sorte de poder observar unha destas mareas. Grazas a Montse, a nai de Ían e Luka, que nos gravou anacos dalgunha desas mareas. Unha delas de mañá cedo na que era preciso ir coas lanternas e noutra tiveron que traballar cun forte temporal de choiva e vento, o que obrigou as mariscadoras e mariscadores a abandonar a praia antes de tempo.

As mariscadoras réxense por un calendario que lle envían da confraría de mariscadores, a de Raxó, Lourizán ou a de San Telmo. Nese calendario aparecen os días de marisqueo, a hora de inicio e a zona na que poden mariscar; tamén se establecen o tipo de ameixa que se pode apañar ou berberechos, e os quilos.

En cada marea permítenlle estar na praia como moito catro horas, o que dura a baixamar. As mariscadoras que cumpren antes o cupo establecido poden marchar antes. Despois de mariscar toca escoller a ameixa por tamaños: a Extra é a máis grande e págana mellor, logo está a de tipo A tamén grandota e por último a de categoría B.

As ameixas e berberechos apañados hai que levalos ao punto de control, onde representantes das Confradías e/ou mariscadores responsables do control volven a pasar pola peneira o marisco, e  entreganlle as mariscadoras un vale no que se reflicten os quilos de ameixa, a variedade e a categoría.

Nas imaxes podemos ver unha das formas de marisqueo a pé, neste caso empregan a gancha, aparello co mango longo e forma de cazo con dentes afiados que serven  para cravarse na area; este aparello  permítelle ás mariscadoras traballar coa auga por riba da cintura. O cazo da gancha está feito de metal e ten unhas rañuras por onde se filtra a area e tamén as ameixas e berberechos de pequeno tamaño.

As mariscadoras empregan carros adaptados á forma dos capachos, con rodas especiais para moverse pola area e moi liviás para facilitar o arrastre. Os capachos teñen un pneumático ao redor que posibilita que cando están a mariscar e teñan moita carga non se afundan. Tamén son necesarios  uns caldeiros para separar os diferentes tipos de bivalvos.

O traxe de mariscar tamén é especial, hai quen emprega traxes de neopreno e outros os buzos que unifican pernas, abdome e parte do peito; agora no inverno o chuvasqueiro é imprescindible, tamén uns guantes para non  botar as mans a sangrar.

En definitiva, un traballo moi duro e moitas veces perigoso, como veremos nas imaxes, require forza física e maña para apañar o marisco.

Moitísimas grazas a Montse e á súa familia pola colaboración. Vendo as imaxes aprendemos un montón, e sobre todo, aprendemos a valorar e respectar o traballo das nosas mariscadoras.

VÍDEO
























No hay comentarios:

Publicar un comentario