domingo, 31 de marzo de 2024

SAÍDA PARA OBSERVAR O CAMBIO DE ESTACIÓN.

 Xa ía sendo hora de que viñera un pouquiño de bo tempo para saír de camiñata e ver os cambios na contorna coa chegada da primavera. Que ledicia poder saír e ver as prímulas, as violetas, os oxalis e as cerdeiras en flor; tamén a figueira co seus pequenos froitos, as moreiras  e os salgueiros cos gromos a punto de rebentar. 

Unha marabilla para os sentidos: o cheiro do mar, o son das pombas, o tacto das cortizas das árbores e a vista da illa de Tambo, impasible ao lonxe. Tamén puidemos observar unha pequena garceta intentando pillar algún peixe ou cangrexo, atenta sempre aos nosos movementos.







































sábado, 30 de marzo de 2024

ONZA E LEO, OS NOVOS MEMBROS DA FAMILIA DE THIAGO.

 Thiago conta con dous novos amigos e membros da súa familia, Onza e Leo, dous soles que iluminan a cara do seu dono cada vez que os nomea.  

Thiago levaba uns días falándonos deles e das experiencias que compartían, polo que lle pedímos permiso aos seus pais, Silvia e Wallace, para que nos fixeran unha visita. 

Onza e leo son dous cans que foron adoptados na Canceira de Poio.  Moito mérito ten esta adopción,  xa que son cans moi maiores e cos seus achaques, e tamén polo seu aspecto de cans perigosos; pero para nada, como sempre, os cans que se adoptan nunha protectora son  os máis fieis e mellores amigos; levan pasado tanto... que por un chisco de cariño dan a vida enteira. 

Quedamos encantados pola súa tranquilidade e polo ben que recibiron a aqueles nenos e nenas que se quixeron acercar a darlles agarimo. 

Esta visita serviunos para darnos conta de que unha mascota transfórmase nun membro máis da familia, que precisa de coidados, de cariño e de moita responsabilidade; puntos que hai que ter en conta e pensar ben para que logo non acaben nunha canceira ou nun refuxio de animais. Tamén falamos do importante que é adoptar en lugar de mercar, as canceiras están cheas de animais que buscan con desesperación o cariño unha familia. 

Se alguén quere estar en contacto con algún destes animais pero non pode levalos para a súa casa, pode ir de forma voluntaria a sacalos a pasear, as persoas encargadas das protectoras quedarán encantadas.