viernes, 27 de junio de 2025

VISITA AO CONCELLO E AO MOSTEIRO DE POIO.

 Subimos camiñando dende o cole ata o Concello, onde nos reciben o Alcalde e os diferentes Concelleiros e Concelleiras. O alumnado de cursos superiores atende aos peregrinos que chegan nese momento, ofrecéndolles auga e froita, e selando a súa Credencial. 

A técnica de turismo do Concello fainos unha visita guiada polo Mosteiro, centrándose no mosaico de Antoine Machourek, que ten uns 200 metros cadrados de extensión e 2´60 m de alto;  no que se poden apreciar as diferentes etapas do Camiño Francés, partindo dende París e chegando a Santiago. Para a elaboración deste mosaico precisáronse un millón de teselas de diferentes cores, que cobren tres das paredes do claustro dos laranxos.  

O alumnado de 6º de E. Infantil tiña especial interese en ver a S. Trahamunda e o seu sepulcro de pedra, xa que cando traballamos a etapa do Camiño entre Pontevedra e Armenteira mencionamos a súa lenda.

O alumnado de sexto de infantil tamén representou a lenda da Coca de Redondela, unha das lendas do Camiño Portugués pola Costa; aproveitando que xusto nestas datas están de festa. A Coca foi elaborada polos alumnos/as de 5 anos e o material maioritariamente empregado foron fichas vellas que estaban almacenadas no cole durante moitos cursos.

Para saber máis...

Trahamunda, a coñecida como a Santa da morriña, era veciña de Poio. A súa vida transcorría entre a illa de Tambo e o mosteiro de Poio, onde era monxa. Nun dos ataques de tropas musulmáns polo Norte, Trahamunda foi apresada e levada a Córdoba, onde lle propuxeron formar parte do harén de Abderramán. Ante a negativa da moza, tivérona en cativerio por 11 longos anos.

Conta a lenda, que na véspera de San  Xoán implorou por volver ao seu mosteiro querido; entón xurdiu a milagre, din que nesa noite a moza puido regresar a Poio nunha rama de palmeira. Xa na súa terra, continuou coas súas labores de monxa, e no Mosteiro de Poio podemos atopar o seu sarcófago e a súa estatua ao lado da famosa palmeira.












































No hay comentarios:

Publicar un comentario