sábado, 28 de junio de 2025

RECOMENDACIÓNS DA MESTRA ESPECIALISTA EN AUDICIÓN E LINGUAXE.

 

Recomendacións de verán para mellorar a fala xogando.

 Dirixido a familias con nenos e nenas de 5 anos con ceceo, rotacismo ou outras dificultades de articulación.

 O verán é o momento perfecto para reforzar a fala sen presións, a través do xogo, a música e a convivencia. Aquí van algunhas ideas divertidas e útiles:

 


Actividades ao aire libre

 Xogos con auga:

 Soprar pompas de xabón, palliñas na auga ou globos para fortalecer os músculos da boca e mellorar o sopro.

 Xogo do "veciño ve un verbo": cada un inventa palabras con “s”, “z” ou “r” para dicir facendo eco.

 Busca do tesouro:

 Preparade pistas que teñan palabras con sons complicados (como "rato", "rosa", "zapato", "serpe") e que teñan que dicilas ben para pasar á seguinte pista.


 Música e rimas

 Cantade cancións e xogos de mans con rimas. Por exemplo:

 “Unha ratiña presumida”, “O sapoconcho”, “Pimpón”, etc.

 Inventade cancións do verán con palabras que teñan os sons traballados: sol, praia, risa, zorra, roca...

 

Xogos simbólicos e de imitación

 Facede como se fosedes locutores de radio, contacontos ou animais (por exemplo, unha serpe que di “ssss”, un león que ruge “rrr”).

 Xogos de roles: tenda, restaurante, posto de xeados... usando palabras con “r”, “s”, “z”, etc.

 

Lectura compartida

 Lede contos en voz alta, pausadamente, fixándose nos sons. Logo pedide que repitan palabras clave.

Contos recomendados con sons marcados (podo axudar a escoller se o precisas).

 

Evitar o uso prolongado do biberón ou chupete

 Si os utilizan alguna vez é recomendable retiralos canto antes, pois interfiren na colocación correcta da lingua e dificultan a articulación dos sons.

Se custa retiralo, podedes facer un “ritual de despedida” ao estilo máxico do Ratonciño Pérez ou da Fada dos Chupetes.

 

Discriminación auditiva

 Xogos como:

 Quen dixo isto? → Un fai un son e o outro adiviña.

 Parellas de sons → Diferenciar palabras parecidas (rosa/sosa, casa/taza, carro/carroza).

 Usar apps con xogos de sons (se se desexa, podo recomendar algunhas).

 

E sobre todo...

 Falar moito e ben cos nenos e nenas.

 Corrixir con cariño, sen presión nin burla.

 Valorade o esforzo máis ca a perfección.

 

Posible horario semanal de verán para levar a cabo estas actividades.

 Día Actividade divertida Obxectivo fonético

  Luns:

Xogo de sopro con pompas.

Facer pompas e intentar petalas mentres se di unha palabra co son "s", "z" ou "r". Traballar o sopro e sons sibilantes ("s", "z")

  Martes:

Conto con rimas.

Ler un conto con palabras que teñan o son “r” ou “rr” (ex: rato, carro) e repetir en voz alta.

 Mércores:

Xogo de pistas polo xardín ou casa.

Facer unha procura do tesouro con pistas orais usando palabras con sons difíciles (serpe, zapato, rosa, carro...).

  Xoves:

 cancións e xogos de mans.

Cantar cancións con moita repetición (ex: “Pimpón”, “Unha ratiña presumida”) e inventar unha canción coas palabras do día.

  Venres:

 Teatro de voces.

Facer un teatro con xoguetes ou marionetas usando voces divertidas: a serpe “ssss”, o robot “rrrr”, a cebra “zazaza”...

 Sábado: 

Cociña divertida.

Preparar unha receita sinxela (xeado de froita, brochetas...) dicindo os nomes dos ingredientes coidadosamente.

 Domingo:

Día relax con historia inventada.

Inventar entre todos unha historia que pase no verán, usando palabras coas letras que se traballaron na semana.

 Consellos para cada día:

 Facelo en momentos tranquilos (despois da merenda, pola mañá antes da praia…).

 Non obrigar, senón convidar a participar.

 Corrixir con modelo, non con crítica. Ex: "Dixeches 'zato', querías dicir 'rato'?"

 Reforzar sempre con frases positivas: “Gustoume como o dixeches!”

 

Aproveitamos para desexarlles un marabilloso verán!  




 

 

 

 

RECOMENDACIÓNS PARA O VERÁN. FICHAS E CARTILLAS.



Comezo felicitando ao alumnado de 6º de Educación Infantil por ter superado con éxito a súa primeira etapa educativa. No relativo a propostas para verán o ideal é que xoguen, fagan actividade física, adquiran responsabilidades tales como: colaborar nas tarefas de casa, participando na elaboración dalgunha receita, ordenando o seu cuarto, axudando no coidado dalgunha mascota ou planta etc. Todo isto fomentaría a súa autonomía persoal e melloraría a súa autoestima ao sentirse útil e responsable.

Tamén sería importante que pasara tempo de calidade coa súa familia e/ou amigos/as, evitando o uso abusivo de pantallas; favorecendo a adquisición de habilidades sociais e de linguaxe.

Unha das actividades que se debería conservar é a do momento de lectura antes de ir a durmir. O conto é un recurso moi importante, propicia un momento relaxado  antes de durmir, fomenta a atención, a comprensión, o enriquecemento da linguaxe e sobre todo do vocabulario; ten un efecto catártico, permite analizar outros puntos de vista da realidade e en moitos casos salientar problemas emocionais que vive a través dos personaxes. Aqueles nenos/as que comezan coa lectura poden ir lendo un pouquiño cada día. Tamén poden facer diferentes actividades a partir do conto:  debuxar escenas do conto, analizar os personaxes, cambiar o final do conto etc.

Os xogos de mesa son outro dos recursos destacados para o verán: a oca, parchís, bingos, crebacabezas, cartas; todo o que implique contar e razoar é ideal.

A elaboración dun diario de verán onde se vaia anotando a data de cada día e o aspecto máis salientable dese día, se se acompaña de debuxos e/ou imaxes mellor. Un diario implica traballar lecto-escritura, aspectos espazo-temporais e emocionais.

Crear un libro de receitas de verán con algunhas das receitas que axudaron a elaborar. Traballamos, pesos, tamaños, cantidades, formas, cores etc.

Participar na elaboración da lista da compra, non ditando as letras senón pronunciando os sons das letras paras traballar a conciencia fonolóxica.

Outras das actividades propostas para o verán son as manualidades: recortar, resgar papel, pintar, amasar etc. Estas actividades desenvolven a creatividade e a motricidade fina, imprescindible para escribir.

Para aquelas familias que queiran manter unha pequena rutina de fichas para traballar lecto-escritura ou aspectos lóxico-matemáticos, poderán acceder ás carpetas que se subirán ao blog. Tamén se incorporarán unhas cartillas de lectura.

Só me queda desexarvos un bo verán, vémonos en setembro!!😘😘

FICHAS LECTO E MATES

GRADUACIÓN DE 6º DE EDUCACIÓN INFANTIL.

 Chegamos ao fin dunha etapa educativa, rematastes a Educación Infantil e espéravos unha nova etapa con moitos retos por vivir. Aínda que as despedidas son un pouco tristes, esta non é unha despedida, é un ata pronto; xa que continuamos no cole e setembro logo chega. Aquí seguiremos as mestras de Infantil pendentes de todo o que vos aconteza, porque sempre seremos as vosas mestras e este o voso cole. 

Mándovos un abrazo moi grande para que empecedes con forza a primaria e os meus mellores desexos para un alumnado marabilloso en todos os aspectos. Que rápido pasou o curso!!!

VÍDEO DE GRADUACIÓN








viernes, 27 de junio de 2025

FACEMOS UN ANACO DA ETAPA ARMENTEIRA-VILANOVA.

Que mellor forma de rematar o proxecto "UNHA ESCOLA NO CAMIÑO" que percorrendo un anaco de etapa. Todo o cole viaxa a Armenteira para facer un anaco da ruta da Pedra e a Auga, unha das etapas máis fermosas do Camiño, que descorre á beira do río entre árbores e muíños. A pesar da calor, a sombra das árbores fixo máis livián a camiñata.

Paramos na Aldea Labrega e descubrimos as diferentes estatuas e construcións  realizadas en pedra. Tomamos a merenda e enredamos un chisco; logo collemos rumbo a Armenteira onde podemos apreciar unha xoia arquitectónica, Santa María de Armenteira.

Entre as curiosidades deste mosteiro resaltar a S. Ero, o fundador do mosteiro. Segundo a lenda, Don Ero saíu un día a camiñar polo monte Castrove, despois dun tempo camiñando sentouse á sombra dunha árbore e quedou adormecido co cantar dun paxariño, pero vaia sono... espertou logo de 300 anos e, claro, todo estaba moi cambiado. Cando regresou ao convento ninguén o recoñecía e cando se presentou e contou o que lle acontecera, deixou a todo o mundo abraiado.